Un mes cheo de letras

Aquí estamos de novo para compartir convosco o que vos tiñamos prometido!

En primeiro lugar, o alumnado de 4º ESO estivo traballando arreo arredor da figura de Carvalho Calero, homenaxeado este ano.

Velaquí as achegas de Cristina Senín Rojo (4º B), Fátima Gómez Louro (4º A) e Lúa Aragunde Abraldes (4º A).

Ricardo Carvalho Calero. Unha pequena biografía.

Ricardo Carvalho Calero, a quen se lle dedican as Letras Galegas 2020, naceu en Ferrol o 30 de outubro do 1910 e faleceu en Santiago o 25 de marzo do 1990. Foi un escritor e filólogo galego licenciado en dereito e en filosofía pola universidade de Santiago de Compostela e Doutor pola universidade de Madrid. Á parte de pertencer  á Real Academia Galega durante algúns anos, foi tamén membro da Academia das Ciencias de Lisboa e membro de honra da Associaçom Galega da Lingua.


E non só, xa que tamén foi membro do Seminario de Estudos Galegos e do Partido Galeguista.

Durante os seus anos dedicados á literatura escribiu dende poesía ata teatro, pasando por narrativa e ensaio, e entre as súas obras máis destacadas atópanse Scórpio ou A xente da Barreira, das que imos falar hoxe.

A obra. Scórpio.

Esta obra foi publicada no ano 1938, e relata a vida do autor dende o seu nacemento ata ese ano. A historia desenvólvese en Ferrol, Santiago e Salamanca na primeira parte e en Madrid, Andalucía, Valencia e Barcelona na segunda, describindo sempre as culturas e os estilos de vida de cada un destes lugares. O autor engadiu nunha das súas entrevistas que esta non era unha obra autobiográfica, senón heterobiográfica, pois desenvolve a vida de toda a súa xeración.


Na estrutura narrativa, o libro divídese en 136 capítulos, dispostos en partes de 77 e 59 capítulos respectivamente, cada un cun narrador diferente (habitualmente unha persoa que coñecía ao autor).




Carvalho Calero, poeta a través da música.

Achegamos este poema musicado titulado Cando xa non te ame, interpretado por Jose Carballido. Este é un compositor e intérprete sobre todo de rock, que publicou baixo o selo discográfico de "Musea Parallèle" un único álbum, Requiem.








Carvalho Calero, pai do reintegracionismo.

O reintegracionismo é unha corrente lingüística cultural e social que di que Galicia, Portugal e Brasil comparten a mesma lingua. Aparece a comezos do século XX con partidarios como Xoán Vicente Viqueira ou Evaristo Correa Calderón e a mediados do século con Ernesto Guerra da Cal.

Ricardo discrepaba co rumbo da política galega e estaba en desacordo coa política lingüística da Autonomía, reivindicou a súa independencia e manifestou as súas críticas. Neste período é cando comeza a asinar as súas obras como Carvalho Calero e considerado entón o ideólogo do reintegracionismo.



"A historia do idioma galego é a historia mesma de Galiza".

E por último, amosámosvos aquí o vídeo que xunta diferentes fotografías que o alumnado de 1º e 2º  ESO fixeron para crear cos seus corpos as letras do nome deste autor.

Moitas grazas a todas e a todos por este traballo cooperativo.

E que bonito quedou! :)




E lembrade que todos os meses son meses das nosas letras e da nosa lingua!








Entradas populares de este blog

CHEGA O SAMAÍN!

Ola! Volvemos con novas forzas e novidades!