Preparando a I Festa da Linghua: Videomontaxe de fotografías

 Ola a todas e a todos!

Este ano a COVID non nos vai deixar celebrar a Festa da Lingua que viñamos festexando todos este anos baixo a coordinación do "EDLG Terras do Umia". Mais iso non nos vai impedir facer unha pequena festa. A nosa festa. 

Así que xa estamos a preparar todo para que, baixo o cumprimento dos protocolos da COVID, poidamos realizar unha festa segura e divertida. A I Festa da Linghua do noso centro. 

Teremos unha xornada con actividades arredor da lingua que tamén servirán como homenaxe á poeta Xela Arias, a quen se lle dedican as Letras 2021. Estade atentas e atentos que xa estamos preparando todo desde todos os niveis de infantil, primaria e secundaria!

E velaí a primeira información que enviamos para toda a comunidade educativa do centro! Tomade nota e participade!

Estimados membros da comunidade educativa do CPI Afonso VII,

poñémonos en contacto con vós co fin de solicitar a vosa colaboración na elaboración da videomontaxe “Unha vez, cun ratiño fun universo”. Esta actividade vaise basear no poemario de Xela Arias Darío a diario, un libro no que a autora homenaxeada nas Letras Galegas 2021 lle dedica os textos ao seu fillo Darío. A colaboración que buscamos dende o Equipo de Dinamización Lingüística e o Departamento de Lingua Galega consiste no envío de fotografías por parte de toda a comunidade educativa que teñan que ver coas “figuras maternas”... é dicir:


queremos que nos enviedes fotos coas vosas nais, coas vosas avoas, coas vosas tías… ou, dende o outro lado, coas vosas fillas e fillos! 


Queremos facer unha homenaxe a todas as mulleres que exercen os coidados, sexan ou non de sangue, e que participan ou participaron no noso día a día e no noso crecemento.

Todas estas imaxes combinaranse cun recitado por parte dos nosos alumnos e alumnas ao redor de textos de Xela Arias e presentaremos a montaxe na semana do 17 de maio na “I Festa da Linghua”. 

Podedes enviar as vosas fotos ata o 7 de maio á dirección de correo electrónico edlgafonsovii@gmail.com onde tamén poderedes consultarnos calquera dúbida.

Agardamos a vosa participación e que respondades, cunha imaxe, á pregunta… quen son as vosas figuras maternas?

De antemán e antetodo… Grazas!


 


Publicacións populares deste blog

Un mes cheo de letras

Concurso "IV Chíos con amor"